Wednesday 26 de June de 2024

Poesía colombiana e pontevedresa pechan a 15ª edición de Poetas Di(n)versos


A última sesión celebrarase este luns 10 no Ágora ás 20.00 horas e estará protagonizada por Andrea Cote e Lorena Conde

O auditorio do Centro Sociocultural Ágora celebrará este luns, 10 de xuño, a derradeira sesión da 15 edición de Poetas Di(n)versos, un ciclo que dirixe a Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño, e ao que o Goberno de Inés Rey deu continuidade e apoio, nunha clara aposta pola diversidade e calidade cultural na cidade.

Relembrando a vez na que participara a hoxe Premio Raíña Sofía de Poesía Piedad Bonnett, volverase contar cunha reputada poeta colombiana, neste caso ao carón dunha pontevedresa. Serán Andrea Cote e Lorena Conde as que poñan o ramo á programación de poesía do Concello. Trátase de dúas poetas, en palabras de Castaño, “capaces de resignificar dende o corpo ata os espazos con toda a sutileza da que é capaz a palabra”.

A sesión dará comezo ás 20.00 horas. A entrada é de balde ata completar capacidade e poderá seguirse en directo por streaming. Haberá folletos conmemorativos e tamén libros ao dispor do público, que poderán ser asinados polas propias poetas.

Lorena Conde

Por unha banda, Lorena Conde gañou o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con ‘Entullo’ (2017), o seu primeiro poemario. Foi galardoada tamén co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola novela ‘Velloucas & Minchas’ (2020), co XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense polo poemario ‘As puntas da louza’. ‘Cancioneiro de labor’ (2022) e co I Premio de Poesía Filomena Dato polo poemario ‘Ave do Paraíso’ (2021). En 2024 concédeselle o Premio Follas Novas do Libro Galego por ‘Festas de gardar. Díptico para a resistencia’.

Tamén é autora do poemario ‘O perfil da boca’ (2020) e os textos de teatro ‘Santa Inés’ (2019) e ‘As mil vidas de Dorotea’ (2021) e participa en escolmas como ‘Entre Leiras’ e ‘Labores. Antoloxía verbo-visual de autoras galegas’ baixo a edición de Inma Doval-Porto (2022) ou ‘Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero)’ con edición de Marta Dacosta (2022).

Andrea Cote

Por outra banda, Andrea Cote (Barrancabermeja, 1981) estudou Literatura na Universidade dos Andes e é doutora en literatura hispanoamericana na Universidade de Pennsylvania. É poeta, ensaísta, tradutora e mestra de escritura creativa na Universidade de Texas en El Paso.
Entre a súa obra lírica destacan títulos como ‘Puerto Calcinado’ (2003), ‘Cosas Frágiles’ (2008), ‘La Ruina que Nombro’ (2015), ‘En las praderas del fin del mundo’ (2019), o libro obxecto ‘Chinatown a toda hora’ (2017) e o volume que recolle a súa poesía: ‘Fervor de tierra’, publicado este mesmo ano 2024. Destacan tamén títulos da súa obra en prosa, como ‘Una fotógrafa al desnudo: biografía de Tina Modotti’ (2005) ou ‘Blanca Varela o la escritura de la soledad’ (2004).

Entre os premios cos que foi galardoada pola súa obra están o Premio Nacional de Poesía da Universidade Externado de Colombia do ano 2003, o Premio Internacional de Poesía Puentes de Struga do 2005, o International Latino Book Award de 2020 á mellor antoloxía poética e o Premio Cidade de Castrovillari de 2010 pola versión italiana de Puerto Calcinado: Porto in Cenere.

A súa obra está traducida ao italiano, francés, alemán, catalán, portugués, macedonio, ruso, chinés e un longo etcétera, ademais de ser ela mesma tradutora de autores como Jericho Brown, Kahlil Gibrán ou Tracy K. Smith.